AS NOSAS FESTAS

Ao longo destas tres últimas semanas, celebramos as festas de Santa Xoaquina, este ano un chisco espalladas debido ás inclemencias do tempo, pero cheas de entusiasmo e bos momentos, coma sempre!

Empezamos o venres 18 coa nosa VIII Andaina Solidaria, que este curso foi pola mañá para facilitar a asistencia de todo o alumnado. Saímos, coma sempre, da alameda, para facer un percorrido que nos levou pola Pasaxe, Codesal, praias da Armona, Lamiña e Muíño, e seguimos a senda litoral ata o porto para subir de novo ata a alameda e o colexio. O día resultou magnífico e todos desfrutamos un montón desta xornada de convivencia, na que a ANPA, unha vez máis, colaborou axudándonos en todo momento e ofrecéndonos froita fresca e variada, así como chocolatinas para darnos forzas.

O mércores 23 tivemos a tarde adicada aos rapaces e rapazas do cole –que puideron saltar ata cansarse nos inchables ou competir en diferentes modalidades deportivas cos seus pais e profesores- e tamén ás familias, moitas das cales participaron no tradicional concurso de tortillas, empanadas e biscoitos organizado pola ANPA. Pasámolo xenial e merendamos de marabilla! Moitas grazas outra vez!

O venres 25 participamos na eucaristía adicada á nosa patroa, Santa Xoaquina, despois tomamos todos xuntos un riquísimo almorzo e o resto da xornada todo o cole puido pasalo en grande participando nos xogos preparados polos alumnos de 4º de ESO. Un aplauso para eles!

Finalmente, o mércores 30 de maio puxemos o broche final ás nosas festas co tradicional festival organizado por alumnos e profesores. Todos os cursos do colexio, desde a Ludoteca ata 4º da ESO, levaban semanas preparando e ensaiando as súas actuacións para ofrecernos, unha vez máis, bailes e acrobacias que nos deixaron coa boca aberta! Tamén nos acompañaron os grupos de baile dos ximnasios Baixo Miño e Do-Majó, aos que lles queremos ofrecer o noso agradecemento. E, por suposto, repartimos una chea de estupendos agasallos doados por diferentes casas comerciais da nosa vila no sorteo que se foi levando a cabo ao longo da tarde. Noraboa aos premiados, e repetimos o curso que vén!

Blog Attachment

Déixanos un comentario