SEMANA DE ROSALÍA

O próximo día 24 de febreiro festéxase en toda Galicia o Día de Rosalía de Castro, como homenaxe á autora que mellor conseguiu plasmar a nosa esencia como pobo e que hoxe en día é un símbolo da nosa lingua e da nosa cultura.

No noso centro quixemos sumarnos a este recoñecemento, e por iso levamos a cabo as seguintes actividades:

            -Coa colaboración de alumnos e alumnas de Segundo, Terceiro e Cuarto de ESO, elaboramos un cartel sobre a figura de Rosalía, que será exposto no Centro Cultural, xunto cos presentados polos outros centros educativos da Guarda. Moitas grazas, rapaces, polo voso traballo!

            -O luns 20, visitounos no colexio o noso paisano Maruxo, famoso polos seus recitais de poemas de Rosalía. Faloulles aos nenos da autora, intercalando poemas para contar a historia da súa vida. Tamén recitou e contestou as preguntas que os rapaces lle fixeron. Todos quedamos moi contentos, pois foi moi divertido e dinámico. Estamos moi agradecidos, Maruxo, da túa estupenda visita! Grazas por todo!

            -O martes 21, os alumnos de 4º de ESO acudiron a decorar un muro urbano, nas proximidades do Conservatorio, cun debuxo alusivo á nosa autora. A experiencia, na que xa levamos participando por segundo ano consecutivo, resultou moi enriquecedora e encantoulles contribuír ao embelecemento do noso entorno.

            -Ao longo de toda a semana iremos vendo en todos os cursos os vídeos que sobre Rosalía se levan feito no colexio en anos pasados, e recordaremos algúns dos seus poemas máis representativos.

Blog Attachment

Déixanos un comentario