Seguir lendo
O labor das Irmás foi dende un principio moito máis aló do estritamente educativo: trataban de solventar as necesidades da vila, axudaban a moitas persoas sen recursos, púñanse á disposición das autoridades para o que fixese falta… Sirva como exemplo o seu labor ante a gravísima epidemia de gripe do ano 1918, evitando os perigos do contaxio, mérito recoñecido publicamente nunha carta do Concello.
Foron 85 os anos de dedicación e entrega á mocidade da Guarda neste primeiro colexio San José no que se sucederon moitas xeracións. Pero o centro facíase pequeno e non respondía ás necesidades e esixencias da educación, polo que houbo que buscar outro solar no que construír un colexio máis funcional e moderno. En setembro de 1980 inaugúrase o actual edificio e, un ano máis tarde, as canchas e patios exteriores. Comeza a súa andadura con dezaoito Irmás na comunidade, das cales doce forman parte da Comunidade Educativa, xunto a cinco profesores seglares que colaboran no labor académico.
Na actualidade, o número de vocacións é menor e, como consecuencia, hai menos Irmás no colexio, pero a pesar diso, o obxectivo segue sendo permanecer aberto ás necesidades do contorno e acompañar os alumnos, ao par das súas familias, na súa formación, transmitindo valores como a alegría, o traballo, o respecto, a solidariedade…
Dende 1894 o labor das irmás continúa, poñendo o seu gran de area na FORMACIÓN E EDUCACIÓN de moitas xeracións da nosa vila, A Guarda.