“Non imaxino a miña vida sen libros porque non acepto vivir unha única vida”

  • Quizais sexa esta unha frase pouco orixinal, pero para min e para calquera lector é unha verdade indiscutible. Porén, non todos o vemos así, e como convencer a alguén que non quere ler do que se está perdendo? E, sobre todo, como acertar nós, os profesores, con aquilo que vos interesa a vós, os rapaces e rapazas da ESO?.

  • Para iso, para que teñades referencias non só de adultos, senón tamén doutros alumnos coma vós, inauguramos agora esta nova sección de CRÍTICA LITERARIA na nosa web, na que poderedes escribir libremente as vosas opinións sobre os libros en galego que vaiades lendo.

TÍTULO: Escarlatina, a cociñeira defunta

Autor: Ledicia Costas

  • Escarlatina, a cociñeira defunta, é un libro que conta a historia de Román , un neno de 10 anos ao que lle gustaba cociñar. Grazas aos seus pais, que lle regalaron un curso de cociña, puido vivir moitas aventuras.
    Pareceume un tema para nenos de calquera idade , porque non require demasiada madurez. O final pareceume un poco curto, pensei que ía a rematar doutro xeito . A parte que máis me gustou foi cando Román viu ao seu avó, e a que menos cando Escarlatina lle di que non vai volver con el ao Aquén. En resumo, o libro está moi ben, volveríao ler as veces que fixese falta , aínda que eu cambiaría o final.
    ANA G. 1º ESO

  • Este libro foi escrito por Ledicia Costas narra a historia dun neno que polo seu aniversario recibe un regalo moi especial.
    É un libro fácil de ler e unha historia que engancha e moi divertida. Faite pensar nos teus seres queridos e mais nos teus amigo e coñecidos. En poucas palabras, é un libro de aventura moi emocionante e orixinal, por iso recomendo lelo.
    Pedro Lorenzo, 1º ESO

  • Escarlatina, a cociñeira defunta, é unha historia que trata sobre un neno chamado Román ao que polo seu aniversario os seus pais lle regalaron un curso de cociña, e así coñeceu a Escarlatina. Ela levou o rapaz ao Alén, o lugar onde vivían os defuntos.
    Pareceume un libro moi fácil de ler, debido ao seu vocabulario sinxelo e porque a súa historia enganchoume moito dende o principio xa que era un relato orixinal e moi diferente a outros libros que lera anteriormente. Recoméndoo moito a lectores aos que lles gusten os libros de aventuras grazas a moitos factores que fan moi emocionante a historia. Para concluír, creo que todos os nenos e nenas que escollades este libro quedaredes satisfeitos con esta obra literaria.
    Gabriel , 1º ESO

  • Escarlatina, a cociñeira defunta, é un libro de Ledicia Costas que conta a historia dun rapaz de 10 anos ao que lle gusta moito cociñar. Como de maior quería ser chef, os seus pais regaláronlle polo seu aniversario un curso de cociña, que resultou ser un pouco especial.
    Pareceume un libro fácil de ler grazas a que ten un vocabulario e un tema axustados á miña idade. Porén, non me enganchou moito debido a que os feitos sucedían lentamente. A maioría dos personaxes, como Escarlatina, son realmente incribles, pero algúns, como Román, resultan moi reais. O momento que máis me gustou foi cando Román conseguiu facer a empanada e enganar os mortos, e o que menos, cando Escarlatina dixo que non quería revivir. En resumo, foi un libro que non me chamaba a lelo, porque os acontecementos sucedían lentamente.
    Álex, 1º ESO

  • O libro Escarlatina, a cociñeira defunta, conta a historia de Román, un neno que naceu o día dos defuntos e pedíralle ós seus pais un curso de cociña de regalo. O día do seu aniversario chegoulle á casa unha profesora de cociña... morta!, coa que vai vivir moitas situacións curiosas tanto no Aquén coma no Alén.
    O libro non me gustou moito, xa que é de aventuras, e a min non me gusta ese tipo de historias. Recomendaríao a nenos de primaria aos que lles gusten os relatos nos que pasan moitas cousas.
    Caetana, 1º ESO

  • Escarlatina, a cociñeira defunta, de Ledicia Costas, conta a historia de Román, un neno de dez anos ao que polo seu aniversario lle regalan un curso de cociña moi especial. Grazas a el coñece a Escarlatina, que o leva ao Alén, onde se encontra co seu avó, e teñen que pasar por unha proba para que Escarlatina poida ver aos seus pais.
    Este libro pareceume de lectura fácil e enganchoume moito xa que conta unha historia preciosa que me recordou a miña bisavoa. Penso que os personaxes son cribles e resulta moi orixinal, xa que o final é moi interesante. Iso si, non volo vou contar!
    Carla, 1º ESO

  • Escarlatina, a cociñeira defunta, de Ledicia Costas, trata dun neno chamado Román, que no seu décimo aniversario recibe un regalo moi especial: un curso de cociña procedente directamente do Inframundo!
    É un libro con moitas aventuras divertidas e fantásticas, cun final inesperado e sorprendente. O meu momento favorito é o da gran carreira. Animádevos a lelo.
    Adrián, 1º ESO

  • Escarlatina, a cociñeira defunta, da autora Ledicia Costas, conta a historia dun neno chamado Román que naceu no día dos defuntos . Despois de moitas aventuras lograron o gran reto ,de cociñar un prato que gustara a vivos e mortos. O que máis me gustou desta historia foi cando se encontrou co seu avó. O que menos foi que Escarlatina decidira non volver para o Aquén. A pesar disto gustoume moito este libro e volvería lelo moitas veces máis.
    Borja, 1º ESO

  • Contos por palabras, de Agustín Fernández Paz é un libro de oito contos sacados a partir dos anuncios por palabras dos xornais.
    É un libro fácil de ler aínda que pode ser un pouco lioso. Resulta orixinal , nunca antes lera outro parecido, os seus personaxes son imaxinarios pero algúns poderían ser reais. É un libro intrigante e algúns contos sorprendentes, por iso recomendo lelo.
    Pedro Lorenzo, 1º ESO

  • Contos por palabras é un libro composto por 11 historias diferentes, o único que teñen en común é que todos están relacionados polos anuncios por palabras.
    Este libro non me gustou, as historias eran moi curtas e non tiñan algo que me interesase. Xa desde as primeiras páxinas no sentía interese por lelo, a medida que foi pasando o tempo, comprobeino. Os que máis me gustaron, por dicir algo, foron :”O caso do unicornio azul” e ”Noites de lúa chea”. E a que menos, “o libro das infinitas historias”, fíxoseme moi aburrido. En resumo, non o recomendaría, a menos que che gusten as historias curtas.
    Ana González, 1º ESO

  • A chave da Atlántida é a historia dunha nena orfa que vive co seu tío. Un día visítaos un humano artificial, con el emprenden unha aventura para descubrir a Atlántida.
    O libro pareceume fácil de ler ,ten un vocabulario axeitado e temas sinxelos. A min enganchoume moito porque é moi emocionante. É unha historia crible aínda que xa lin outros similares. Recoméndoo a persoas ás que lles guste algo de suspense e aventura. En conclusión, pareceume un libro de suspense e aventura, por iso recoméndoo.
    Pedro Lorenzo, 1º ESO

TÍTULO: A praia dos afogados

AUTOR: Domingo Villar

  • Vou falar do libro A praia dos afogados, de Domingo Villar. Trata sobre un caso de asasinato da comisaría de policía de Vigo, onde traballan o inspector Leo Caldas e o seu compañeiro Rafael Estévez. A primeira vista parecía un suicidio, pero despois de investigar, o inspector descarta esa posibilidade e terán que seguir coas súas pescudas.
    O libro gústoume moito, xa que me encantan as novelas policíacas e de misterio. Absórbete ata o punto de que perdes a noción do tempo. Non é para nada difícil de ler porque ten un vocabulario simple. Ao principio non pensaba que me fora gustar tanto, pero o libro foime enganchando máis e máis porque a trama é moi boa. En conclusión, o libro encantoume e paseino xenial léndoo.
    Álex da Rocha, 4º ESO

  • A praia dos afogados, do autor Domingo Villar, trata sobre a morte dun mariñeiro chamado Xusto Castelo. O seu corpo apareceu flotando nunha praia e coas mans atadas mediante unha brida verde. Ao principio, todos os veciños crían que o home se suicidara mais o Inspector Leo Caldas investigou sen descanso para descubrir a verdade.
    Todos os capítulos empezan coa definición dunha palabra por parte do autor. Iso parceume moi orixinal xa que non recordo ningún libro que comenzara desa forma. Outra cousa que me gustou da historia foi a súa facilidade de comprensión xa que tiña un vocabulario sinxelo. Pero aquí rematan as cousas positivas que podo dicir do libro.
    O que menos me gustou foi a trama, a verdade é que me decepcionou bastante: cando les unha novela de "misterio", esperas unha historia engaiolante que te apaixone e non poidas deixar de ler ata a última páxina e, a verdade é que este libro non me transmitiu esa sensación. O que máis me decepcionou foi o final ( cando se descobre a identidade do asasino ) pois desconfiaba del dende o principio.
    Cabe destacar que os personaxes non eran moi cribles, e o compañeiro do inspector ( chamado Hernesto Hermida ) era o menos crible de todos. Semellaba un personaxe compulsivo e con poucas luces que facía as cousas sen pensalas.
    Por último, quero dicir que este é un dos poucos libros que lin de temática policíaca xa que non é que me gusten moito. A pesar diso, outras novelas de asasinatos conseguiron engancharme ata o final e foron moi divertidas. Por exemplo, unha que lin este ano, titulada Sete Caveiras, foi moi boa pois non puiden parar de lela ata o final.
    En resumo, o vocabulario da novela é sinxelo, mais a trama é aburrida e pesada o que fixo que lera o libro sen ganas. Ademais, ao contrario do que eu esperaba, a historia non me enganchou.
    Non a podería recomendar a ninguén xa que a min non me gustou. Por último, se tivera que pórlle nota, daríalle un 5 ou 6, sendo bastante xenerosa.
    Claudia, 2º ESO

TÍTULO: Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta

AUTORA: Ledicia Costas

  • No libro Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta, a súa autora, Ledicia Costas, fala sobre a misteriosa chegada a Vigo, en 1884, do escritor e aventureiro Jules Verne, e a partir deste suceso, crea unha marabillosa historia de fantasía.
    Segundo ela, Jules Verne chegou a Vigo seguindo a pista dunhas misteriosas mulleres planta. Nunha botica coñece a dúas delas, unha vella mais a súa neta, e descobre que a avoa está a sufrir unha estraña “transformación“ e que necesita ser transportada á Fraga das mulleres planta, un lugar descoñecido.
    Este é o libro en galego de todos os que lin que máis me gustou. Termineino nunha tarde xa que foi moi fácil de ler, o seu vocabulario era sinxelo, non había saltos no tempo que complicasen a súa compresión, e sobre todo, a súa historia resultoume apaixonante. Gustoume moitísimo a trama xa que o feito de que fora fantástica fíxoa máis interesante. Ademais, cando rematei o libro, estiven pensando na posibilidade de que existise unha fraga como a que describe. Semella imposible, aínda que o feito de que Jules Verne atracara, misteriosamente, dúas veces en Vigo, faime desconfiar…
    A parte do libro que máis me gustou foi o final xa que non o esperaba moito. Agradezo o feito de que a autora escribise, no epílogo, o futuro que lle depararía a algúns personaxes. Se faltase esta parte, o final estaría incompleto e os lectores quedarían con ganas de saber máis.
    Por outra banda, os personaxes encantáronme. O meu preferido foi o grumete de Jules Verne chamado Pierre, aínda que a súa historia era bastante triste. Eu intuía dende o principio que Violeta e máis el acabarían namorándose, e encantoume que así fose.
    Grazas a esta novela aprendín algo sobre Jules Verne xa que, antes de lela, nin sabía que existira.
    En resumo, o libro é fácil de ler e a súa trama engancha moito. Recomendaríallelo a todas as persoas ás que lles gusta a literatura fantástica. Por último, se tivera que porlle nota, daríalle un 9,5.
    Claudia, 2º ESO

TÍTULO: Cando petan na porta pola noite

AUTOR: Xabier P. Docampo

  • Cando petan na porta pola noite é un libro escrito por Xabier P. Docampo que conta catro historias. Todas elas falan de mortes ou asasinatos e ningunha ten que ver coas outras.
    O libro non me gustou nada, só fala de mortes, de misterios e de asasinatos, nunca lera ningún parecido. O vocabulario é medianamente sinxelo pero os seus temas non me gustan e tampouco engancha nada. É un libro que ten personaxes imaxinarios,e destacaria no primeiro relato cando o viaxeiro despedázalle a cara ao Ferreiro porque esa parte deume moito asco e grima. Este libro decepcionoume bastante comparándoo cos outros que lin.
    En conclusión, Cando petan na porta pola noite non me gustou en absoluto e por iso no o recomendaría a ninguén.
    Pedro Lorenzo, 1º ESO

TÍTULO: As bruxas

AUTOR: Roald Dahl

  • As Bruxas, de Roald Dahl, conta como un neno e mais a súa avoa que viven en Noruega, intentarán deter á Gran Bruxa e a todas as demais bruxas nos seus malvados plans de acabar con todos os nenos posibles.
    A miña opinión sobre o libro é que é bastante entretido e mentres o les non tes noción do paso do tempo. E iso, a pesar de que me pareceu aburrido nos primeiros capítulos , pero logo comezaron a suceder acontecementos emocionantes (a convención de bruxas , a fórmula 86...) que me engancharon un montón. O feito de que o libro che conte como saber se unha muller é unha bruxa ou non pareceume interesante e un pouco gracioso. Tamén teño que destacar que o vocabulario era fácil, e aínda que ás veces algunhas palabras eran algo complexas, non me resultou difícil lelo. Recoméndoo aos lectores aos que lles gusten os libros de fantasía , e lembrade que aínda que ao principio a lectura poida resultar algo aburrida, non o cambiedes, porque eu estou seguro de que se o seguides lendo un pouco máis, ao final comezará a gustarvos e vos enganchará.
    Para concluír con esta crítica, quero dicir que cando o leades sentirédevos introducidos nun mundo máxico e de fantasía que vos atrapará. Eu de verdade que creo que lle tedes que dar unha oportunidade a esta historia. Se estades en apuros porque non dades atopado nada que vos interese ler , sen dubida este é un bo libro ao que acudir.
    Gabriel, 1º ESO

  • Vou valorar a obra  As Bruxas, de Roald Dalh. Neste libro, descríbense as bruxas coma uns seres noxentos que aborrecen aos nenos. É tanto o seu odio polos rapaces que, cada ano, tódalas feiticeiras reúnense para maquinar un gran plan que extermine ao maior número posible deles! Nas vacacións, un neno cóase nesa secreta reunión e consegue escoitalo todo, mais agora  terá que buscar o xeito de detelas. Se non o fai, tódolos nenos de Inglaterra vanse converter en ratos!
    Na miña opinión, este é un libro bastante recomendable para os rapaces xa que lles ensina a ter coidado, non coas bruxas, senón con tódolos adultos descoñecidos que se topan pola rúa. Explica que nunca debes aceptar  larpeiradas ou ter moita confianza neles  xa que, algunhas veces, non é ouro todo o que reloce. Gustoume que o autor utilizase coma metáfora as bruxas: parecen mulleres calquera, mais no seu interior, están feitas de odio e desexan facer dano. Paréceme un bo exemplo para ensinar que non todas as personas son boas. Só hai unha cousa que non me convence moito. No libro Matilda e mais neste (os dous do mesmo autor ) noméanse os puros varias veces. Nesta novela, por exemplo, a avoa do rapaz protagonista fuma moito, hábito non moi bó, e menos se o libro está dirixido cara público infantil. Penso que esta faceta do autor débese a que, ou el fumaba, ou naquela época aínda non se coñecía o perxudicial que pode ser.
    Unha das caractererísticas máis presentes no libro son os trazos de humor, o que fai que a lectura sexa moi divertida. O personaxe que máis graza me fixo foi o neno lambón que, despois de converterse en rato, seguía sendo igual de larpeiro. Nisto as bruxas non puideron facer nada!. Outra cousa que me pareceu enxeñosa foi que algunhas bruxas foron vencidas probando da súa propia medicina, transformándose en ratos, xusto o que lle querían facer aos pobres nenos. Que ironía! 
    O libro destaca tamén por describir moitas situacións entrañables que non se olvidan. A que máis me gustou foi unha frase que citou o neno protagonista: “Non importa que es ou que semellas se alguén te quere”. Aínda que se transformara en rato, ao neno non lle importaba porque tiña á súa avoa que o quería tal coma era. Esta converteuse nunha das miñas frases preferidas xa que me fixo reflexionar moitísimo.
    Con todo, a lectura foi engaiolante e moi divertida, aínda que atopeille un gran erro á edición. Deixando á parte a fealdade dos debuxos, descubrín un montón de faltas de ortografía e demais. Algunas erratas que lin, entre moitas, foron: ‚”fresas”, por amorodos; “silla”, por cadeira, e “polegar”. Ao principio, non sabía o que significaba esta palabra mais, despois de pensalo moito, chequei á conclusión de que debía referirse a polgar. Supoño que estes erros débense a que a miña edición é algo vella, mais cheguei a atopar 3 erratas só nunha páxina ( e seguro que hai moitas máis ) e iso non ten escusa. Outra cousa que me desgustou foi o final, xa que me deixou intrigada. Gustaríame moito que houbese unha continuación deste libro, pois teño curiosidade por saber se, ao final, os protagonistas conseguirán derrotar a todas as bruxas do mundo.
    Por último, gustaríame dicir que rematei esta novela en moi pouco tempo, xa que está chea de debuxos e a súa linguaxe é sinxela; en xeral, foi moi fácil de ler. A trama é envolvente e ensina bos valores. Se tivese que recomendarlle un libro a un neno, probablemente falaríalle deste ou doutro  do mesmo autor, xa que estes clásicos son famosos por gustarle a moitos rapaces. 
    Claudia, 2º ESO

  • O libro Mentira, da escritora Care Santos, publicado no 2015, narra a historia de Xenia, unha rapaza de 16 anos estudante de bacherelato que loita por entrar na facultade de Medicina. Mais ultimamente están baixando as súas notas porque namorouse de alguén pola Internet - aínda que non saiba nin o seu nome, nin coñeza o seu aspecto físico- e vai descubrir como o que parecía marabilloso, agocha en realidade unha gran mentira.
    En primeiro lugar, o libro pareceume fácil de ler, cun argumento moi novidoso e un vocabulario sinxelo. A historia enganchoume totalmente, gustoume moitísimo; era interesante e súper intrigante. Creo que o seu tema daba moito de que falar e iso enriqueceu a narración. Este libro recomendáranmo as miñas compañeiras de clase porque dicían que estaba xenial, e despois de "devoralo" penso o mesmo ca elas, é fantástico. O final pareceume imprevisible e sorprendente, non se asemellaba para nada ao que pensaba. Volvería lelo mil veces.
    Fíxome relexionar sobre todos os perigos que se esconden na Internet ou nas redes sociais se non facemos un bo uso delas. A pesar de que o tema parecérame novidoso, como xa dixen antes, por desgraza é un dos problemas da actualidade e moitas veces provoca desgustos e tristezas na nosa sociedade. Así mesmo, penso que os personaxes son moi cribles. Aprendín que non debes confiar en calquera e menos nas persoas descoñecidas.
    En poucas palabras, diría que o libro Mentira é fácil de ler, engaiolante e moi interesante, gústoume moitísimo, e invítanos a reflexionar sobre os perigos da Internet. Recomendaríallo a todo o mundo, pero sobre todo, a rapazas e rapaces da nosa idade para que saiban navegar con responsabilidade nas redes sociais. É unha novela que merece a pena ler e non teño ningunha crítica negativa dela. Sen dúbida doulle un 10!!!
    Lucía Lomba, 2º ESO

  • A novela Mentira, da autora Care Santos, trata sobre unha rapaza que se namora dun mozo a través dunha páxina de comentarios de libros , o cal lle manda unha información persoal que resultará mentira e ela corta con todo tipo de relación con el . O que ela non sabe e que recibirá un paquete especial que cambiará por completo as cousas.
    Este libro é moi interesante xa que trata temas moi do día a día e ademais mestura dúas vidas semellantes e diferentes á vez como poden ser a de Xenia, a nosa protagonista, que naceu nunha familia normal, e a de Éric, un rapaz problemático que naceu nunha familia complicada .
    Pareceume súper fácil de ler, tamén é verdade que engancha dende o principio ata o final e ademais diso, o seu vocabulario xunto coas expresións que nel se dan son moi sinxelas, de forma que podería lelo calquera persoa . Os seus personaxes, na miña opinión, son cribles xa que como se basea nunha temática actual , podemos ver calquera día unha noticia na que aparecen os mesmos feitos que se tratan aquí . A parte del que máis destacaría é cando Xenia recibe ese paquete tan especial e le todo o seu contido.
    En resumo, é un libro que se podería recomendar a calquera persoa, sobre todo a aquelas ás que lles gusten as historias de amor e misterio .
    Rapaza, 4º ESO

  • Mentira é un libro escrito por Care Santos que conta a historia de Xenia, unha rapaza moi estudosa que coñece o seu verdadeiro amor por internet e isto tráelle graves problemas.
    Esta novela, nun principio é interesante de ler xa que nos seus comezos empeza a engancharte na lectura, o seu problema empeza na metade da historia, cando Xenia recibe un paquete procedente do centro de menores que contén unha libreta. A partir de aí o libro redacta absolutamente todo o que pon na libreta e para o meu gusto ( xa sei que eu non me aclaro con meus gustos nos libros de galego), empeza a incluír un montón de ideas que a autora quixo plasmar que teñen coherencia pero non sentido. Comeza a repetir frases moitas veces como esta: "Supoñendo que isto sexa unha carta, claro", e iso abúrreme. O seu final, a pesar de que ao chegar o medio xa lía sen ganas, impactoume , aínda que en certo modo esperaba algo así. A pesar de todo isto, non estivo tan mal... Ten un vocabulario bastante simple e non é moi dificil de ler. Recomendaríallo a xente que lese bastante e que lle guste.
    Ángela, 2º ESO

TÍTULO: Mentira

AUTORA: Care Santos

  • Mentira é un libro escrito por Care Santos, e trata dunha moza chamada Xenia que comezou ir mal nos estudos por causa de Marcelo, o seu amor virtual, co que comparte a súa paixón pola lectura. Xenia intenta atopalo,pero o único que encontra son mentiras…. Ata que un día recibe un paquete que lle vai revelar a identidade do rapaz do que se namorou.
    O libro gustoume moito, porque trata unha historia de amor entre dúas personas que non se coñecen pero que á vez teñen moitas cousas en común . A historia ten tanto momentos de tristeza como de valentía. O que máis me impresionou foi toda a historia do asasinato e as mentiras arredor del. En conclusión, é un libro que engancha, e fácil de ler polo seu vocabulario sinxelo, e recomendaríao a todo aquel ao que lle interese o suspense e o amor.
    Nerea Pérez, 2º ESO

  • Eu vou facer a miña crítica sobre o libro O Corazón de Xúpiter , de Ledicia Costas , unha escritora viguesa de literatura xuvenil . Esta obra narra a historia dunha rapaza chamada Isla , que se muda de cidade e o seu único apoio é un ciberamigo , cuxo alcume é "Xupiter" . Ela non sabe nada sobre a súa identidade , mais está perdidamente namorada del . Cando empeza no seu novo colexio , faise amiga de Mar , pero tamén consegue inimigos , Carballo e os seus amigos , quen lle fan a vida imposible. Na noite de San Xoán queda con Xúpiter nunha vella cervexaría da zona , pero non sabe o que lle está por acontecer.
    En primeiro lugar , considero que este libro trata dun tema moi importante como son os perigos da internet , e como iso pode cambiar a vida dunha rapaza nun instante . Paréceme un libro cunha historia moi adictiva porque tal como narra os feitos , o único no que te centras é no que vai acontecer e como vai a proseguir a historia. Mentres lin a sinopse da contraportada, xa me puiden facer unha idea de como podía finalizar , aínda que eu isto non o considero malo xa que na miña opinión, dálle un punto de interese á trama. Sorprendeume un personaxe como Carballo , do que se deduce que é o típico rapaz que sempre se mete en problemas cunha personalidade chulesca. Ao principio , pareceume estraña a súa reacción cando mirou a Isla por primeira vez e ese odio que lle colleu sen que ela lle fixese nada; aínda que ao continuar o libro xa o fun entendendo todo. Outro momento que me pareceu impactante e que non esperaba foi cando o matón e os seus amigos retiveron a Isla nas duchas do colexio con intención de facerlle todas as cousas deleznables que fixeron. Este libro máis que facerme pensar no tema dos enganos na internet , fíxome reflexionar sobre o "bullying" que lle facían a Isla e todo o que tivo que sufrir, xa que se narra en primeira persoa e conta todos os seus sentimentos e pensamentos de tristura e desesperación. Pero sen ningunha dúbida , o que máis me sorprendeu foi o final. Esperaba algo similar , pero non tan impactante e duro , por isto recoméndollo a xente á que , como a min , gústanlle estes temas, pero que non se metan demasiado na historia xa que , como dixen , o final deixa a un sen alento. Persoalmente non son unha persoa á que lle apaixone ler , pero este libro conseguiu algo que ningún conseguira , que foi transmitirme un montón de emocións e sentimentos , cousa que considero importantísima, e isto fixo que non puidese parar de lelo. En conclusión , creo que é unha historia incríble e por isto , xa é o meu libro favorito.
    Alba, 4º ESO

  • O libro O corazón de Xúpiter, da autora Ledicia Costas, trata sobre unha rapaza chamada Isla á que lle gustan moito os planetas. Un día coñece a unha persoa a través de internet, que se fai chamar Xúpiter, e coa que sente unha sintonía que nunca acadara con ninguén. As súas conversas con Xúpiter fan que se sinta mellor nunha etapa especialmente difícil da súa vida, e decide quedar con el sen facer caso ás advertencias da súa mellor amiga, Mar.
    Persoalmente, o libro encantoume e non puiden parar de lelo ata o final. Pareceume moi fácil de ler xa que non atopei moitas palabras das que descoñecera o seu significado. Ademais, a súa estrutura era sinxela e melloraba a compresión da lectura. Atopei un salto no tempo ao principio do libro pero este non fixo que perdera o fío da historia.
    A trama era moi envolvente xa que, canto máis lía, máis gañas tiña de saber o futuro de Isla e de coñecer a identidade de Xúpiter. Os personaxes parecéronme todos moi cribles excepto o rapaz chamado Carballo, que o atopei esaxeradamente bruto e consentido. Encantoume que a autora chamara Mar á amiga de Isla, xa que os nomes indicaban que serían inseparables. O que máis me gustou do libro foi que expuxera tan claramente o perigo das relacións a través de internet, xa que son un problema grave actualmente.
    Porén, a pesar do que acabo de dicir, o final non me gustou moito porque deume moita pena. Ademais, o epílogo tiven que lelo dúas veces para entendelo xa que, nalgunhas partes, xogaba con realidades alternativas.
    En resumo, é unha novela facil de ler e ten un vocabulario sinxelo. A trama é intrigante e engancha moitísimo. Tamén me gustaría engadir a razón pola que escollín lela: Casiopea, o nick que usaba Isla nos foros é o nome da tartaruga do Maestro Hora, personaxe do libro Momo,que escribiu Michael Ende, e que é un dos meus preferidos. Recomendaríallelo a todas as persoas da miña idade xa que a min gustoume moito. Por último, se tivese que darlle nota, poríalle un 8,5 sobre 10.
    Claudia, 2º ESO

  • O libro O diario violeta de Carlota, de Gemma Lienas, trata a historia de Carlota, unha moza á que lle regalan un diario. Ao principio non entende o motivo do regalo, pero segundo van pasando os días dáse conta da boa utilidade que lle pode dar: escribir todos os comportamentos machistas que teñen que soportar as mulleres. Para iso contará coa axuda da súa avoa Isabel, da súa nai e da súa tía Octavia.
    Dende o meu punto de vista, resultou un libro moi doado de ler xa que o vocabulario era moi sinxelo e trata un tema que me interesa, o machismo; está baseado na época actual e a súa estrutura fai máis sinxela a lectura. É unha historia que engancha, e o que a fai máis atractiva é o feito de falar sobre os aspectos que afectan as mulleres xa que, a pesar de que hai persoas que aceptan os pensamentos máis antigos, á gran maioría gústalle estar informado sobre asuntos coma este. Desta novela esperaba informarme máis sobre o machismo e eliminar a miña curiosidade sobre libros deste tipo, porque nunca lera un que tratase este tema. A pesar diso, esperaba algo moi distinto. Pensaba que só ía falar sobre situacións machistas sen contar a historia dunha rapaza.
    Fíxome reflexionar sobre varias cousas: aínda que estamos no século XXI e suponse que hai avances e melloras, segue habendo moita discriminación cara ás mulleres, o que fai que me plantexe se a xente non considera a igualdade como algo importante. Tamén me fixo pensar que ata nun colexio, onde nos deben ensinar a convivir e a respectar, vemos ás veces comportamentos machistas non só por parte dos alumnos senón tamén dos profesores.
    Ao ser unha historia baseada na realidade, que poderiamos protagonizar calquera de nós, todos os personaxes resultáronme cribles. Identifícome coa avoa Isabel, xa que sempre lle busca o lado machista a calquera cousa, coma min. As persoas que menos me gustaron foron a outra avoa de Carlota e as amizades da familia, por ter comportamentos e palabras en contra das mulleres. Polo contrario, as que máis me gustaron foron Carlota, a súa nai, a súa tía Octavia e a avoa Isabel, por comportarse de maneira totalmente oposta aos anteriores. Destacaría por sorprendente o feito de que unha avoa, a cal viviu en épocas pasadas, teña unha forma de pensar tan actual e reivindicativa e, polo contrario, unha muller da súa mesma idade considere que debemos aceptar os pensamentos tradicionais. O momento máis emocionante produciuse cando Carlota coñece a Marcelo e acaban saíndo xuntos, o que menos me esperaba, xa que tivo lugar case ao final e dábase por feito que non se ía falar sobre os amores da rapaza.
    Como conclusión, recomendaría este libro a todas as persoas que queiran acadar a igualdade entre homes e mulleres e que se queiran informar sobre situacións machistas que non nos damos conta que ocorren. E engadiría que me gustou moito a idea de crear un libro que conteña todos os comportamentos decepcionantes da sociedade, xa que para lograr a igualdade primeiro hai que saber contra o que temos que loitar e o que temos que evitar.
    Clara, 4º ESO

TÍTULO: O corazón de Xúpiter

AUTORA: Ledicia Costas

  • En O diario violeta de Carlota, de Gemma Lienas, Carlota, unha rapaza de 14 anos, recibe un diario polo seu aniversario e non sabe que facer con el. A súa avoa proponlle "pór os lentes violetas", e decatarse de todas e cada unha das accións machistas que ocorren entre a súa familia, colexio e amigos diariamente.
    Na miña opinión, é un libro fácil de ler xa que é de extensión curta e tiña un vocabulario sinxelo e actual. A historia enganchoume bastante xa que o tema principal resultoume bastante interesante e está moi presente nos nosos días. Ao principio cría que ía ser un relato aburrido pero a medida que ía lendo, cada vez intrigábame máis, xa que conta moitas situacións machistas das que na vida diaria non nos decatamos. Describiríao como un libro moi diferente, pois non é frecuente atopar historias desta temática en libros xuvenís. Persoalmente, resultoume moi orixinal, nunca antes lera un relato similar, e a forma en que a narradora conta a vida diaria, a descrición de cada lugar e os propios personaxes, conseguiron que eu tamén "me puxese algunha vez os lentes violetas". Pareceume moi instrutivo, porque ademais de entreter, consegue facerte pensar.
    En resumo, foi un libro que estivo moi ben polas leccións contra o machismo que nos ensina. Recomendaríallelo a persoas ás que lles gusten os libros distintos aos habituais, de temática actual, como a loita pola igualdade de xénero, e a persoas ás que lle guste a lectura.
    Carlota, 3º ESO

  • No libro Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta, a súa autora, Ledicia Costas, fala sobre a misteriosa chegada a Vigo, en 1884, do escritor e aventureiro Jules Verne, e a partir deste suceso, crea unha marabillosa historia de fantasía.
    Segundo ela, Jules Verne chegou a Vigo seguindo a pista dunhas misteriosas mulleres planta. Nunha botica coñece a dúas delas, unha vella mais a súa neta, e descobre que a avoa está a sufrir unha estraña “transformación“ e que necesita ser transportada á Fraga das mulleres planta, un lugar descoñecido.
    Este é o libro en galego de todos os que lin que máis me gustou. Termineino nunha tarde xa que foi moi fácil de ler, o seu vocabulario era sinxelo, non había saltos no tempo que complicasen a súa compresión, e sobre todo, a súa historia resultoume apaixonante. Gustoume moitísimo a trama xa que o feito de que fora fantástica fíxoa máis interesante. Ademais, cando rematei o libro, estiven pensando na posibilidade de que existise unha fraga como a que describe. Semella imposible, aínda que o feito de que Jules Verne atracara, misteriosamente, dúas veces en Vigo, faime desconfiar…
    A parte do libro que máis me gustou foi o final xa que non o esperaba moito. Agradezo o feito de que a autora escribise, no epílogo, o futuro que lle depararía a algúns personaxes. Se faltase esta parte, o final estaría incompleto e os lectores quedarían con ganas de saber máis.
    Por outra banda, os personaxes encantáronme. O meu preferido foi o grumete de Jules Verne chamado Pierre, aínda que a súa historia era bastante triste. Eu intuía dende o principio que Violeta e máis el acabarían namorándose, e encantoume que así fose.
    Grazas a esta novela aprendín algo sobre Jules Verne xa que, antes de lela, nin sabía que existira.
    En resumo, o libro é fácil de ler e a súa trama engancha moito. Recomendaríallelo a todas as persoas ás que lles gusta a literatura fantástica. Por último, se tivera que porlle nota, daríalle un 9,5.
    Claudia, 2º ESO

TÍTULO: O diario violeta de Carlota

AUTORA: Gemma Lienas

  • O libro Triste Armas, da escritora Marina Mayoral, publicado no ano 1994, conta a historia de dúas nenas, Rosa e Harmonía, que teñen que fuxir a Rusia por causa da Guerra Civil. Invítanos a reflexionar sobre o mal que o pasan as persoas que teñen o seu país en guerra e como consecuencia delas poden perder a quen máis queren.
    Pareceume fácil de ler e cun vocabulario bastante sinxelo, aínda que algunha palabriña tiven que buscala no dicionario. A historia enganchoume por completo, encantoume; era moi apaixonante e interesante e entretívome moitísimo. Volvería lela máis veces. Antes de "devorar" este libro sempre pensei que as guerras non servían para nada e despois de lelo sigo pensando o mesmo, mais puiden poñerme na pel dos personaxes e darme todavía máis conta de que as guerra producen unha dor enorme para todas esas persoas que a viven.
    Tristes Armas recomendaríallo a todo o mundo, penso que é unha historia sen límite de idade. É fácil de ler, é fermoso e conmovedor, encantoume e daste conta de que as guerras son o peor do mundo. Sen dúbida doulle un 10!
    Lucía, 2º ESO

  • O libro Europa Express, escrito por Andrea Maceiras, trata sobre sete rapaces e rapazas que deciden viaxar xuntos por toda Europa en Interrail ao rematar o bacharelato. Dez anos despois da viaxe, un deles chamado Nico logra contactar con todos os demais para organizar unha festa de reencontro e charlar sobre todo o sucedido no pasado: bos momentos, malos, e sobre todo, a morte dun deles.
    Para comezar, o libro pareceume moi fácil de ler xa que o seu vocabulario é moi simple e non ten ningunha dificultade, e tamén polo tema , que é un dos que máis me gustan, xa que combina o amor co misterio. A verdade é que é unha historia que engancha dende o principio, porque nunha das primeiras páxinas pon: “Para miña nai, compañeira indispensábel na viaxe da vida”, e pareceume moi atractiva esa frase porque é a verdade, unha nai está aquí para todo e aínda máis na viaxe da nosa vida. O que máis me custou, quizais, foi que os capítulos ían cambiando da actualidade a dez anos antes e ao principio custaba enterarse do que dicía, pero sobre o resto, ben.
    Desta lectura aprendín a valorar as cousas tal e como son, xa que no libro, mentres Xacobe estaba vivo non o valoraban tanto, e cando morreu, todos se deron conta de que perderan a unha peza fundamental no grupo de amigos que lles ía custar esquecer.
    En conclusión, para min é un libro orixinal, a verdade é que non lera ningún similar, e gustaríame ler outros así, xa que me gustou moito. Creo que lle podería interesar a calquera persoa, xa que a case todos nos gustan os libros con algo de misterio e amor polo medio.
    Alumna, 4º ESO

TÍTULO: Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta

AUTORA: Ledicia Costas

  • Unha estrela no vento, de Ledicia Costas, trata dun rapaz de dazasete anos chamado Miguel ao que lle ocorren certas cousas que lle cambiarán a vida para sempre. Daranlle unha malleira inolvidable , o seu pai marchará da casa o seu curmán virá vivir con el, pero non por moito tempo.
    A min este libro gustoume moito . Non é a típica historia de sempre , senón que te sorprende a cada páxina porque suceden cousas que polo menos eu nunca imaxinaría . A súa estrutura é sinxela, non te lía, e fai a lectura moito mais fácil. Ten un vocabulario apropiado para o público adolescente, o que tamén facilita a súa lectura . A min conseguiu engancharme dende o primeiro capítulo ata o último. Respecto ao seu final, sorprendeume moitísimo, non esperaba para nada que rematase así, dese xeito tan triste, e fixo que unha bágoa esvarase pola miña meixela . Por que ten que acabar así? Por que non pode haber un final feliz coma o de Cincenta ou o de Brancaneves? Pero a pesar disto o libro é moi bonito con certas cousas que che fan pensar en como reaccionarías ti se che ocorrera o mesmo. Recomendo esta novela a todo o mundo. Animádevos a lela!
    Fátima, 2º ESO

TÍTULO: Tristes armas

AUTORA: Marina Mayoral

  • Unha estrela no vento, da escritora Ledicia Costas, trata sobre un rapaz chamado Miguel que está nunha etapa difícil por todo o que lle está a acontecer ao seu redor. Un día recibe unha boa malleira, así que os seus amigos e compañeiros deciden vingarse. El séntese diferente a todos, menos de seu curmán Abel, alguén moi especial, e de Reina, unha moza xitana coa que aprenderá que é realmente o amor.
    Para comenzar, direi que o libro pareceume fácil de ler, porque ten un vocabulario sinxelo e as súas expresións son facilmente comprensibles. O seu tema resultoume interesante e entretido xa que non recordo ler un libro semellante. Sinceramente, a historia nun principio non terminaba de engancharme ata o capítulo 3, onde alí a novela empezou a dar moitos xiros inesperados e moi intrigantes. O seu final non o esperaba para nada, cambiou completamente a miña impresión inicial. Pero isto non significa que me gustase, ao contrario: aínda que me parecese imprevisible, creo que foi bastante triste.
    Penso que hai personaxes que son cribles, como Miguel (o protagonista) e outros que non, como O Bruto (o que lle dera a malleira). Pero o que me pareceu máis irreal foi o lugar onde transcorren os feitos no final, un monte cun montón de acantilados. Os personaxes que máis me gustaron foron Paula (a irmá do protagonista), unha nena de 9 ou 10 anos moi doce e inocente, e a súa nai (tamén nai de Miguel), unha muller moi loitadora.
    En resumo, Unha estrela no vento é un libro de comprensión fácil e vocabulario sinxelo, intrigante polos seus xiros inesperados. Recomendaríallelo a persoas ás que lles qusten os finais de todo tipo, e non só os que sempre acaban felices, porque precisamente este non remata moi ben. A pesar diso, a historia estivo bastante ben, e se tivese que cualificalo, a miña puntuación sería de 7,5.
    Lucía, 2º ESO

TÍTULO: Europa Express

AUTORA: Andrea Maceiras

  • Todo o tempo do mundo conta as experiencias que vive Ariadna ( unha nena de case doce anos que pasara toda a súa vida na cidade) cando pasa vinte días na aldea xunto co seu avó Valente e o seu can Leal, xusto antes de ter que emigrar a Canadá con seus pais.
    Pareceume un libro fácil de ler, tanto polo vocabulario como polo tema (que aínda que fai alusións ao pasado en diversas ocasións, é moi actual); porén, a forma na que está estruturado o texto é un tanto complexa , posto que está contado en primeira persoa e en pasado, pero ás veces fai saltos ao presente pensando en como é a súa vida agora en Canadá mentres lembra con nostalxia os que foron os días maís felices da súa vida. Aínda que o libro non ten un final sorpresivo ou inesperado -porque en todo momento se sabe que Ariadna terá que deixar a aldea en pouco tempo- ten unha historia que engancha, porque a medida que a protagonista vai pasando días no campo, vai dándose conta de como o ser humano vai destruíndo os montes e campos con incendios intencionados que destrúen as terras cercanas, con empresarios que pretenden construír fábricas e canteiras, etc. O que máis me gustou do libro foron as charlas que mantiña Ariadna co seu avó, nas que el lle ensinaba a escoitar o silencio, a apreciar a vida, a respectar a natureza…
    Definitivamente recomendo este libro a todo aquel ao que lle guste a natureza e os libros que reivindican os problemas da sociedade actual.
    Rapaza, 3º ESO

TÍTULO: Unha estrela no vento

AUTORA: Ledicia Costas

  • O libro Sete caveiras, da autora Elena Gallego Abad, conta unha historia protagonizada por Marta Vilas, unha xornalista que emprende a busca do autor dunha serie de asasinatos. O asasino, despois de cada crime, coloca unha figuriña de sete centímetros e medio de altura, de Famobil, a antiga marca da famosa colección Playmobil. Estes clicks albergan algo en común con cada vítima? Tratarase dunha vinganza?
    Segundo Internet, este libro está aconsellado para persoas maiores de 16 anos, pero eu considero que unha persona da miña idade, cun vocabulario un pouco avanzado, pode lelo perfectamente, e aínda que haxa palabras que non se saiba o que significan, non son de difícil comprensión polo contexto. Creo tamén, que as palabras coas que empeza a novela: "o primeiro morto apareceu..." son a frase perfecta para iniciar esta trama tan engaiolante e tan verosímil. Encantoume que a historia se contase de forma lineal, ordenada, sen saltos temporais, porque cando leo libros que van ao pasado e logo volven ao presente, non son capaz de seguir moi ben esa lectura, dáme a sensación de que me estou "perdendo". Pero iso non me pasou neste caso. Ás veces recordaba cousas do pasado, como cantos mortos había, ou os clicks que puxera, pero iso gustoume porque me axudaba a situarme.
    Outras das moitas cousas que me gustou foi o conflito narrativo, que xa se iniciou dende a primera frase que mencionei antes. Creo que o de inicialo tan pronto é imprescindible para crear no lector a sensación de "vou seguir lendo", que é a que indica se te está enganchando a lectura.
    E a última cousa positiva que vou nomear, aínda que non sexa a última de todas as que me gustaron- que foron moitas- é que no final dea un xiro tan inesperado, porque a Marta Vilas do principio non é a mesma Marta Vilas do final, e estes desenlaces insospeitados nas lecturas fan que estas sexan únicas e orixinais.
    Á parte de todo isto bo, só teño unha pequena pega, e é que nalgúns puntos do libro faltáronme unhas poucas explicacións, porque ás veces pareceume que dicía cousas con importancia pero nas que non reparaba moito.
    Para concluír a miña crítica direi que me pareceu unha lectura de 10, aínda que son consciente de que é posible que a outros non lles gustara nada, pero como di o refrán: "para gustos hai cores". Eu, persoalmente, recoméndolla a todo o público da miña idade para arriba, por todo o que citei antes: trama aditiva, vocabulario sinxelo... En definitiva, encantoume esta lectura.
    Laura, 2º ESO

E TI…, QUE VÉS LENDO?

Mensaxe

TÍTULO: Avenida do parque, 17

AUTOR: Agustín Fernández Paz

  • Avenida do parque 17, de Agustín Fernández Paz, é un libro que conta a historia de Marta, unha moza que se muda a unha enorme casa na que terá que convivir cun descoñecido “moi especial”.
    Pareceume un libro doado de ler porque ten un vocabulario moi sinxelo e un argumento engaiolante. Trátase dunha historia que engancha dende o primeiro momento, porque o tema é moi orixinal e interesante. Persoalmente as miñas partes preferidas foron aquelas nas que a rapaza fala co descoñecido. É moi emocionante ver como, pouco a pouco, eles dous vanse coñecendo ata converterse en amigos, chegando a ser inseparables. O desenlace é inesperado e mestúranse sentimentos de tristeza e de ledicia.
    A historia ensinoume que non podemos xulgar aos demais sen coñecelos. Debemos dar unha oportunidade a todo o mundo, antes de valoralos. Recomendaría a súa lectura porque é un libro que lle pode gustar a todo tipo de público, lectores e non lectores e ademais ten unha trama emocionante e doada de seguir.
    Ana González, 1º ESO

  • O libro Avenida do parque, 17, de Agustín Fernández Paz, gustoume moito pola historia que ten. Esa nena chamada Marta que se muda a unha casa enmeigada e faise amiga dunha pantasma é interesante. Conta feitos que lle van ocorrendo á rapaza, como por exemplo o inicio do novo curso nun colexio diferente e a relación coa súa mellor amiga a distancia. Ten un vocabulario moi sinxelo, non hai ningunha palabra que non entenda ninguén que teña un nivel mínimo de galego. De todas formas, teño que admitir que todo o bo ten algo malo, e neste caso, é que o inicio da historia fíxoseme un pouco aburrida aínda que o resto do libro foi moi interesante polo feito da acumulación de intriga por saber cando aparecería a pantasma, se non tería problemas de adaptación… Ao principio, como dixen antes, é algo aburrida e non engancha, polo resto gustoume moito.
    Adrián Leyenda, 2º ESO