O VIOLÍN DE MALIKIAN

E chegamos aos instrumentos da familia de corda fretada e aquí é onde nos atopamos coa figura dun violinista, Ara Malikian, ao que lle adicamos esta clase de Música.

Ara Malikian non tivo unha vida doada. Naceu no Líbano e, de cativo, a guerra obrigaba ás persoas a refuxiarse nos sotos. Alí, nos refuxios antiaéreos, estudaba nas sombras durante longos períodos de tempo. A experiencia vital deste violinista, axudounos a traballar a resiliencia co alumnado, debatindo sobre a capacidade que amosan algunhas persoas para sobrepoñerse a situacións traumáticas fronte ás que a maioría non pode resistir. Para isto é imprescindible que dende a escola saibamos fortalecer a capacidade interna de cada persoa.

A paixón de Malikian polo violín foi practicamente imposta polo seu pai, que o obrigaba a ensaiar. A partir desta realidade, traballamos coa rapazada a forza de vontade, que pode faltarnos, así que ás veces será preciso que nos inciten a adquirir un compromiso cara aquilo que temos que facer.

Malia todas as dificultades Ara non perdeu nunca a ilusión, por iso é transcendental estimulala entre o alumnado. A ilusión é a esperanza de que se cumprirá algo que desexamos, é unha emoción, e na clase de Música traballamos as emocións con pezas musicais. Precisamente Malikian ten un amplo repertorio do que botar man, que inclúe a práctica totalidade de grandes obras escritas para violín.

E así foi como o alumnado de 2º de ESO coñeceu o violín á par que traballamos a importancia dos valores aquí citados. 

Terá algo que ver a humildade coa que se sube a un escenario Malikian co vivido na súa infancia?

Blog Attachment

Déixanos un comentario