NIN UNHA MENOS!

No noso centro, fomentamos cada día a igualdade de forma transversal, para o que levamos a cabo diversas actuacións, medidas e accións co obxectivo de facer realidade a coeducación na nosa práctica educativa.

A pesar de que consideramos que temas como a igualdade ou a violencia de xénero, non son cousas de un só día, cremos necesario darlle a visibilidade que merecen, desgraciadamente, na actualidade.

Por iso, ao longo destas semanas, con motivo da conmemoración do día 25 de novembro “Contra a violencia de xénero”, o alumnado de 6º de primaria realizou varias actividades.

Deseñamos e creamos unha silueta dunha muller para participar na exposición programada polo concello de A Guarda. Nela, os rapaces/as mostran a realidade que han de soportar as mulleres ao longo de toda a súa vida: comentarios sobre o seu físico, a súa forma de vestir, as inseguridades e o medo que o machismo sementa…

Realizaron tamén unha pequena manualidade en forma de invitación para convidar ás familias a visitar a exposición “Sempre vivas” organizada polo concello.

Finalmente, para rematar a semana, o venres 27 de novembro, a responsable do CIM (Centro de Información á Muller), achegouse ao centro a impartir unha charla sobre o tema, na que, a través de varias dinámicas, o alumnado foi quen de valorar e reflexionar sobre situacións cotiás nas que, por desgracia, pálpanse as diferenzas entre mulleres e homes.

Oxalá que pronto non haxa motivos para ter que realizar este tipo de conmemoracións. Confiemos, entre todas e todos podemos.

Blog Attachment

Déixanos un comentario