CONTAMOS TOD@S
- Publicado por admin
- POSTO EN Ed. Secundaria
Os nosos alumnos de 4º da ESO, xunto con alumnado dos outros centros de Secundaria da localidade e San Xerome, tiveron a oportunidade de asistir a un espectáculo teatral, musical e participativo organizado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade titulado CONTAMOS TODAS. Os integrantes de A Tropa de Trapo –Marta Ortiz e Brais das Hortas- abraiaron ao alumnado coas súas dúas historias «As mulleres de Torneiros» e «Liberia», relatos ben distintos pero cun denominador común: seren exemplos de mulleres que tiveron que enfrontarse a circunstancias adversas na súa vida pero que grazas á súa valentía, rebeldía, cooperación, afán de superación e sentido da xustiza conseguiron facer fronte a todos os obstáculos e saír adiante.
Despois do espectáculo, Marta e Brais deron paso a un coloquio aberto á participación de todos os rapaces e rapazas no que se fixeron interesantes reflexións sobre a igualdade de xénero, o feminismo, a liberdade, etc. É salientable destacar que moitas mozas e mozos se sentiron moi motivados pola dinámica e que o tempo de duración da mesma fíxoselles escaso. Esperamos poder contar con máis iniciativas nesta liña pois resultan verdadeiramente motivadoras. Moitas grazas!