CLASES SEN FUME
- Publicado por admin
- POSTO EN Ed. Secundaria
Este ano, e dentro da materia “Promoción de estilos de vida saudable”, os alumnos de 2º de ESO participan no programa “Clases sen fume”. Trátase dun compromiso individual e colectivo (de toda a aula) de non fumar durante polo menos 6 meses, reforzar o carácter voluntario da decisión de non facelo, potenciar a confianza nun mesmo e nos demais e ser capaces de saber dicir NON cando alguén nos ofreza tabaco.
O xoves pasado estivo no noso centro a doutora Victoria Aldea, coordinadora do programa Aulas sen fume en Pontevedra, para explicar aos alumnos, tanto de 1º coma de 2º de ESO, os perigos do tabaco e as súas perxudiciais consecuencias. Amosounos un bote co alquitrán que teñen os pulmóns da xente fumadora que nos impactou tanto que nos convenceu a todos para que continuemos sen fumar.
Ao finalizar a charla, os que quixemos, puidemos soprar nun medidor de monóxido de carbono para comprobar o ben que se atopan os nosos pulmóns.
A segunda parte do programa consiste en preparar e presentar un slogan cunha representación gráfica; o noso é: “Un pitillo é coma un cañón, mata sen compaixón”. E xa cara ao terceiro trimestre, teremos que presentar unha actividade creativa dirixida á prevención do tabaquismo. Tentaremos gañar algún premio, aínda que o mellor galardón sería que ningún de nós caese no vicio que supón o tabaco.