Introducción
Historia do Colexio S. José, H.H. Carmelitas, da Guarda
Foi unha tarde do mes de outubro de 1893 cando Dona Vicenta Rodríguez Cachada entregou ao notario un gran sobre pechado, dicíndolle que era o seu testamento. Dous meses despois, tras o seu pasamento, abríase o sobre na Casa Consistorial da Guarda ante a expectación dos veciños da vila.
Dona Vicenta era viúva e o seu único fillo morrera moi novo en Porto Rico, polo que a súa vida estaba entregada á piedade e á caridade. Era ben coñecida por todos pola súa xenerosidade.
A súa herdeira universal foi a Madre Dolores Pallés de San Estanislao, provincial de Vitoria da congregación de HH Carmelitas da Caridade, e o testamento establecía que aqueles bens debían empregarse na fundación dun colexio na vila da Guarda, no que recibisen educación gratuita as nenas pobres da localidade, podendo admitirse alumnas internas e externas de pago.