NOVAS 3º TRIMESTRE

Estimadas familias:

En primeiro lugar confiamos en que esteades a levar este confinamento da mellor forma posible e vos atopedes ben de saúde.

Queremos aproveitar a ocasión para informar dunha serie de aspectos organizativos e académicos do terceiro trimestre que son do voso interese.

As actividades lectivas do curso escolar seguirán ata o 19 de xuño, tal como vén establecido na Orde do 20 de xuño de 2019, pola que se aproba o calendario escolar para o curso 2019/2020.

Durante o terceiro trimestre, o noso centro continuará coa atención educativa ao alumnado, desenvolvendo actividades que lles permitan aos alumnos e alumnas manterse incorporados á aprendizaxe continua e suscitar o seu interese por aprender, de modo non presencial ou -de ser o caso- presencial, en función das recomendacións que diten as autoridades sanitarias. Ditas actividades estarán adaptadas á idade e características do alumnado, así como á situación excepcional que están a vivir.

O traballo no terceiro trimestre estará enfocado principalmente ao repaso, reforzo, recuperación e, no seu caso, ampliación das aprendizaxes anteriores, sempre adaptado en función de cada etapa, área ou materia, e tendo en conta a situación de cada alumno ou alumna co fin de non sobrecargalos de tarefas excesivas e coidando o seu benestar.

Á espera da aprobación da inspección educativa, para a avaliación do terceiro trimestre valoraremos dun xeito positivo os traballos entregados polos alumnos durante o período de confinamento, non podendo ser esta nunca negativa e beneficiando sempre ao alumnado. O alumnado que teñan a primeira e/ou a segunda avaliación suspensa, poderá recuperalas.

A cualificación final:
⮚ Para os alumnos e as alumnas que teñan algunha avaliación suspensa será a media da primeira e segunda tendo en conta as recuperacións.
⮚ Para o resto do alumnado a nota final poderá subir ata un máximo dun punto a media das avaliacións anteriores, en función do traballo realizado durante o terceiro trimestre.

En ningún caso, o alumnado se verá desfavorecido polas dificultades derivadas do cambio de metodoloxía a distancia do terceiro trimestre.

O noso profesorado emitirá un informe individual valorativo do traballo realizado polos seus alumnos e alumnas no curso, que inclúa os atrasos que puidesen terse producido e un plan de recuperación destes. Dito informe será tido en conta de cara á programación do vindeiro curso 2020-21.

A promoción de curso será a norma xeral en todas as etapas, considerándose a repetición de curso una medida moi excepcional, que non poderá estar baseada unicamente no número de materias non superadas.

O centro e o profesorado organizarán plans de recuperación e adaptación do currículo e das actividades educativas para o curso 2020-2021, co obxecto de permitir o avance de todo o alumnado.

Aproveitamos a ocasión para lembrarvos que o psicólogo e orientador do centro está á vosa disposición, e podedes contactar con el no seu correo: juan.fonseca@vedruna.es ou http://jjfonseca@edu.xunta.es.

A vindeira semana restablecerase o prazo de presentación das solicitudes de admisión en centros docentes sostidos con fondos públicos. Dito prazo iniciarase o luns día 11 de maio de 2020 e rematará o día 18 do mesmo mes. Para calquera cuestión relativa á admisión, secretaría ou administración podedes contactar con nós no correo electrónico do centro: cpr.sanjose.aguarda@edu.xunta.es ou ben de xeito telefónico no: 986 60 89 14 para concertar cita previa para a entrega de solicitudes, de documentación, etc.

Pola nosa parte lembrámosvos que tanto os profesores como o equipo directivo estamos á vosa disposición. Non dubidedes en contactar con nós para aclarar calquera dúbida ou plantexar algunha situación concreta, facéndoo polos cauces habituais.

Queremos agradecer tanto o encomiable esforzo que estades a realizar dende casa, en ocasións en circunstancias moi difíciles, como o das vosas fillas e fillos.

Moito ánimo a todos. Esperamos vérmonos pronto.

Unha aperta.

Déixanos un comentario