ENTREGA DE NOTAS

Queridas familias:

Queremos darvos as grazas polo traballo e a implicación na tarefa educativa que estades a realizar dende os vosos domicilios nestes momentos tan duros que nos toca vivir. O claustro de profesores confía en que todos esteades ben de saúde ao igual que todos nós, e na espera de que todo remate canto antes.

Como anunciamos hai uns días na web, seguimos elaborando propostas de actividades para que todo o alumnado, de todas as etapas, continúe co seu proceso educativo nos seus domicilios. Polo tanto, pedimos de novo a vosa colaboración na supervisión das tarefas propostas, ben reenviando os traballos realizados para observar a evolución dos progresos dos vosos fillos, ben axudándoos -na medida do posible- nas dúbidas que poidan ter ou naquilo que nós non poidamos resolver dende a distancia. Somos conscientes de que non é unha tarefa fácil: as situacións persoais de cada familia son diferentes e non podemos pretender que o alumnado siga avanzando como se acudise á escola, pero a nosa intención é que non perdan o ritmo de traballo e estudo, de tal maneira que esta situación non perxudique máis do inevitable a súa formación académica. Por suposto, todo o profesorado está dispoñible para solventar as dúbidas que vos poidan ir xurdindo, tanto a familias como a alumnos.

Seguindo as instrucións da Consellería de Educación, estamos a avaliar o Segundo Trimestre coa información do que se fixo dende xaneiro ata o día 13 de marzo de 2020, día no que se suspenderon as clases presenciais nos centros educativos. Sabemos que é unha situación estraña, que quedaban cousas por facer, pero así nolo esixen desde a Consellería. Tendo en conta isto, as notas da Segunda Avaliación (como algúns xa sabedes) poderedes consultalas a partir do día 3 de abril na aplicación da Consellería de Educación Abalarmobil (tedes información sobre a mesma no seguinte enlace (https://www.edu.xunta.es/espazoAbalar/es/noticia/abalarmobil) e aqueles que teñades algunha dificultade coa aplicación, comunicalo ao titor correspondente para que poida envialas por correo electrónico. Lembrámosvos que durante o período de vacacións (dende o día 4 ao 13 de abril inclusive) o profesorado non enviará tarefas.

Nesta situación excepcional na que nos atopamos a causa do COVID-19, as comunicacións teñen que ir e vir telematicamente, xa que non temos outro xeito de achegarnos a todos vós. Comunicarémosvos todas aquelas cuestións de interese que tome a Consellería sobre á formación dos vosos fillos, facendo publicacións na páxina web ou ben por correo electrónico.

Xuntos facémonos máis fortes. Unidos conseguimos máis metas. Respectando as normas facémonos máis disciplinados. Quedade na casa e coidádevos, por todos.

Un abrazo virtual

O Equipo directivo

Déixanos un comentario